Publicador de contidos

Publicador de contidos

A vivenda, a gran prioridade, por Venancio Salcines

A vivenda, a gran prioridade, por Venancio Salcines

G24.gal 27/01/2025 08:01

A vivenda lidera as preocupacións dos galegos, e, polo tanto, o Presidente Rueda quere que tamén lidere as súas accións de goberno. Preto de vinte mil persoas están anotadas como demandantes no rexistro galego de vivenda protexida. A cifra, a máis elevada da nosa historia, mostra que a maior demanda reside en Vigo, un terzo, e, en menor medida, na Coruña, un dezasete por cento. Curiosamente, a demanda de vivenda protexida na cidade de Lugo (2.017) supera a de Santiago (1.162). Se falásemos de demanda de vivenda en xeral, non soamente de mercar vivenda protexida, quizais as cifras cambiarían, dada a poboación flotante de Compostela. 

En todo caso, a demanda está aí e o presidente Rueda quere dar sinais de que a súa administración non está parada e por iso anunciou dúas medidas: unha é o Bono Emancípate, de mil cincocentos euros para os que estean de alugueiro e do dobre, tres mil, para quen mercase unha propiedade. Vai dirixido a mozos menores de trinta e cinco anos e servirá para os gastos miúdos da nova vivenda, como mobiliario, ou gastos de notaría. Dado o presuposto asignado ao bono, esgotarase en poucos días. Polo tanto, temos que velo máis como un sinal de que a vivenda está nas prioridades da Xunta que como unha medida de grande impacto.

A construción de vivenda compartida, que xa se iniciou en Santiago, estenderase a Lugo e a Vigo, parece unha medida de máis calado. Aínda que o que é realmente relevante son as dúas grandes prioridades do presidente autonómico: construír un parque público de oito mil vivendas e mobilizar solo para 25.000 vivendas. Se Alfonso Rueda é quen de levar a cabo as súas grandes promesas neste eido, si que alterará, e moi positivamente, a situación do mercado de vivenda en Galicia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos