A Xunta anuncia unha "cota cero" para autónomos, a quen sufragará o custo da alta o primeiro ano
A partida inclúese nos orzamentos para 2024, cuns 960 euros para a cota e uns 7.500 para o inicio de actividade
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este luns unha "cota cero" para as persoas emprendedoras e que supón subvencionar as cotas do réxime de autónomos durante o primeiro ano de actividade, o que ascende a uns 960 euros.
Estas contías para os autónomos súmanse os arredor de 7.500 euros en axudas para gastos de inicio de actividade, polo que en 2024 cada autónomo que emprenda contará con ata uns 8.500 euros.
Estas partidas están incluídas no proxecto de orzamentos da Xunta que acaba de iniciar a súa tramitación parlamentaria e que estará en vigor en 2024 e responde, en palabras de Rueda, ao resultado de "escoitar" os autónomos.
Concretamente, tal e como explicaron, esta medida está presupostada no marco do programa de axudas para apoiar o inicio de actividade e conta en reserva 9,6 millóns de euros. É dicir, o programa desagrégase na liña de cota cero e os 7.500 euros, aproximadamente, para o inicio de actividade.
Rueda, acompañado da conselleira de Promoción do Emprego, Elena Rivo, mantivo este luns un encontro en Vilagarcía de Arousa coa Mesa do Emprego Autónomo, entidade á que se dirixiu tamén na súa intervención pública para expresar a súa intención de seguir escoitando as súas peticións para poder trasladar novas medidas ás actuacións da Xunta.
"Estamos hoxe aquí demostrando como se pode emprender e ir facendo esa enorme rede (de autónomos) en Galicia", sinalou Rueda, quen se referiu aos case catro puntos por encima da media nacional en emprego autónomo.
"Galicia é unha terra de emprendemento", proclamou o presidente galego, quen dixo que isto implica tamén buscar o mantemento do emprego e que se "incorpore zume novo".
Rueda mostrouse seguro de que estas medidas "van funcionar, son necesarias e axudan á substitución xeracional", debido a que é un dos grandes retos que están encima da mesa, xa que hai xubilacións e son necesarias persoas que se incorporen.
Axudas autónomos
Os autónomos tamén poden tirar man dunha nova liña liña de axudas da Xunta, para afrontar a suba de tipos de xuro.
Poden beneficiarse desta axuda as pemes e autónomos que son titulares de operacións de préstamos directos concedidos polo Igape. Na actual situación económica, coa suba dos tipos de referencia, increméntanse de xeito considerable as cotas a pagar polos titulares destes préstamos a tipo de xuro variable. Para aliviar esta situación, a nova liña de axudas subvenciona ata tres puntos e medio nos tipos de xuro das operacións.