A Xunta creará axudas para facilitar aos taxistas a contratación dos seguros
O presidente da asociación dos taxistas de Lugo, Jesús Rodríguez, "os propietarios dalgúns vehículos chegaron a atoparse con recibos que chegan aos 8.000 euros e as compañías, simplemente néganse a aseguralos"

O conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, anunciou que a Xunta prevé crear este ano, axudas para facilitar aos taxitas a contratación de seguros para os Eurotaxi, destinados e adaptados para ás persoas con mobilidade reducida.
Díxoo este luns na Coruña, onde comprobou con representantes da Federación de Autonómos do Taxi de Galicia (Fegataxi) os vehículos adquiridos con axudas da Xunta, unhas subvencións "moi demandadas" que o ano pasado permitiron adquirir "186 vehículos".
Esta liña de axudas, publicada en decembro, conta con 500.000 euros de orzamento para a compra taxis accesibles para dito colectivo. Ademais son de emisións CERO e ECO.
Para este ano, o Goberno galego prepara "unha axuda para os contratos de seguros", un "problema" para o sector do taxi a día de hoxe.
Xa que, segundo asegurou o presidente da asociación dos taxistas de Lugo, Jesús Rodríguez, "os propietarios dalgúns vehículos chegaron a atoparse con recibos que chegan aos 8.000 euros e a algúns, as compañías, simplemente néganse a aseguralos".
"Fomos capaces no orzamento deste 2025 de incorporar unha partida dun millón de euros para poder atender estas demandas e estamos no proceso de ordenación e redacción", indicou.
O conselleiro sinalou que a Xunta está en "continuo contacto e colaboración" co colectivo de taxis.
Pola súa parte, o sector do taxi en Galicia anunciou a pasada semana que este mércores -29 de xaneiro- irá á folga para protestar por unhas condicións que consideran totalmente “abusivas” no relativo á contratación de pólizas de seguros que dan cobertura ao seu servizo.