A Xunta Electoral ábrelle expediente sancionador á voceira do Goberno
Considera que Isabel Rodríguez fai declaracións electoralistas durante as conferencias de prensa posteriores ao Consello de Ministros
Laura Borràs perde o seu escano no parlamento catalán tras ser condenada por prevaricación
Tras apercibila tres veces, a Xunta Electoral Central decidiu abrirlle expediente á voceira do Goberno. Cre o órgano que Isabel Rodríguez usou a conferencia de prensa posterior ao Consello de Ministros para facer propaganda partidista e atacar o Partido Popular, vulnerando así o seu deber de neutralidade durante o período electoral.
A ministra manifestou o seu "respecto máis absoluto" á resolución, pero apuntou que, no seu labor como voceira do Goberno, trata sempre de atender as preguntas dos xornalistas. A voceira do executivo podería ter que pagar unha multa de ata 3.000 euros.
O expediente abríuselle a raíz dunha reclamación do PP. Alberto Núñez acusa ademais a Pedro Sánchez de aproveitarse dos recursos públicos para facer campaña. "Empezámonos a acostumar a que o presidente do Goberno viaxe nun avión do Estado para facer un mitin", dixo o presidente do partido. "O outro día vimos como veu a Doñana con dous Falcon para criticar o presidente da Junta de Andalucía", engadiu o líder popular.
A Xunta Electoral Central tamén acordou retirarlle o escano á que foi presidenta do Parlamento catalán, a Laura Borràs, tras ser condenada a catro anos e medio de cárcere e trece de inhabilitación por dar contratos a dedo.