Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta mobiliza barreiras anticontaminación pola vertedura de xurro de Tordoia

A Xunta mobiliza barreiras anticontaminación pola vertedura de xurro de Tordoia

Os técnicos comprobaron que a vertedura se estendeu ata os ríos Paradela e Lengüelle, polo que se decidiu activar medios e recursos autonómicos adicionais

A foxa que rompeu acumulaba máis dun millón de litros 

As primeiras estimacións calculan que se verteu un terzo da cantidade total

O Concello de Santiago activa medidas de prevención

Europa Press
G24.gal 15/09/2026 18:34 Última actualización 15/09/2026 20:01

A Xunta, a través de Augas de Galicia, está a mobilizar medios humanos e recursos do programa de mantemento fluvial, entre eles barreiras anticontaminación, para reforzar os labores de contención e minimizar o risco de novos episodios de vertedura pola rotura dunha foxa de xurros nunha explotación gandeira no concello de Tordoia.

O incidente, comunicado polo propietario a través do 112 este luns 14 de setembro, provocou que unha parte importante do material almacenado se flitrase polas leiras contiguas á granxa alcanzando o río Bustelo, á altura de Santaia.

Con base ás primeiras estimacións realizadas polos axentes, verteuse aproximadamente un terzo da cantidade total, que erá de máis dun millón de litros.

Ante esta situación, as medidas inicialmente adoptadas no punto de orixe, incluíndo a formación de diques de terra e a habilitación dunha balsa temporal de retención, permitiron conter parte do material e evitar que seguise saíndo.

Augas de Galicia enviou persoal do programa de control de verteduras para inspeccionar a zona e facer un seguimento sobre o terreo da evolución da situación. Os técnicos do organismo hidráulico comprobaron hoxe que a vertedura se estendera xa aos ríos Paradela e Lengüelle, motivo polo que se tomou a decisión de mobilizar medios e recursos autonómicos adicionais nas canles afectadas para evitar o avance do verter.

Nestes momentos, a afección detectada localízase nun tramo duns tres quilómetros augas abaixo do punto de vertedura, con incidente constatado nos ríos Bustelo, Paradela e Lengüelle.

Os equipos despregados continúan a executar actuacións de seguimento, contención e retirada do material contaminante, contando, ademais, coa colaboración de Veolia (empresa encargada da xestión da estación de tratamento de auga potable de Santiago), que está a poñer medios complementarios para reforzar o control da situación.

De acordo cos traballos de inspección realizados na mañá deste martes, a afección aínda non alcanzou o río Tambre. Así mesmo, a distancia estimada entre o punto máis avanzado onde se detectou a presenza de xurros e a captación de abastecemento de Santiago de Compostela é duns 20 quilómetros.

"Ao longo da tarde deste martes, en todo caso, completaranse as tomas de mostras e as análises dos distintos puntos de control establecidos nas canles afectadas, cuxos resultados permitirán avaliar con maior precisión a evolución da afección e determinar se o material contaminante xa mobilizado pode supoñer algún risco para a captación de abastecemento", precisa a Xunta.

"Neste momento, debido ao escaso caudal circulante nos ríos e ás baixas velocidades de transporte asociadas, resulta prudente esperar os resultados analíticos antes de emitir unha valoración definitiva", sinala, en concreto, a Consellería de Medio Ambiente.

O Concello de Santiago activa medidas de prevención

O Concello de Santiago activou medidas de prevención e convocou un comité de coordinación ante o vertedura de xurros en Tordoia "que podería afectar a captación de auga no Tambre", segundo informa. Nun comunicado, indica que iniciou un seguimento da situación "ante o risco de que poida afectar a captación de auga no Tambre".

A rexedora compostelá, Goretti Sanmartín, está en contacto co seu homólogo de Tordoia, Antonio Pereiro, con responsables de Augas de Galicia e coa concesionaria do servizo de auga para facer un seguimento e prever as medidas necesarias.

Ordenouse paralizar o baldeo dos espazos públicos co obxecto de contribuír ao aforro de auga e manter o nivel dos depósitos ao 100 %. Neste sentido, o Concello recomenda á cidadanía que faga un uso responsable da auga e evite consumos innecesarios.

Por outra banda, a alcaldesa convocou para primeira hora de mañá un comité de coordinación para avaliar a situación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade