A Xunta solicita ao Goberno central máis policías e gardas civís para Galicia
Diego Calvo pide tamén a integración da Policía Nacional e a Garda Civil na sede do 112 Galicia
O obxectivo é facilitar a comunicación e a coordinación operativa entre os diferentes corpos
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, pídelle máis policías e gardas civís ao Goberno central para Galicia, co obxectivo de mellorar a seguridade.
Calvo demandou tamén a integración presencial da Policía Nacional e da Garda Civil na sede do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112-Galicia, do mesmo xeito que a Policía Autonómica.
Para Calvo, a integración ten como obxectivo garantir un mellor servizo á cidadanía, facilitando a comunicación e a coordinación operativa entre os diferentes corpos, e mellorando a eficacia nas intervencións, polo que a sala do 112 xa conta con espazos de traballo para os representantes dos diferentes grupos operativos de emerxencia.
Nesta liña, o conselleiro incidiu no traballo desenvolvido polo persoal da Policía Autonómica como referencia para as persoas operadoras da sala do 112 na atención ás incidencias das súas competencias e das da Policía Nacional.
"Pode haber dificultades en grandes emerxencias para comunicarse coas salas de coordinación da Policía Nacional e a Garda Civil, con colapsos nas chamadas que se evitarían coa presenza de axentes no lugar", expuxo.
Así mesmo, apuntou que segundo a memoria de actividade de 2023 do 112 Galicia, a Garda Civil e a Policía Nacional están entre os organismos máis mobilizados na xestión de incidencias, con máis de 77.000 mobilizacións no caso da primeira, que só ten por diante as urxencias médicas e a Policía Local, e preto de 26.000 no da segunda.
Entrega de drons
Diego Calvo fixo esta reclamación durante unha visita á Axencia Galega de Emerxencias (Axega), acompañado polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axega, Marcos Araújo, para a entrega de dous drons, un acuático e outro aéreo, á Unidade Policial Adscrita de Galicia.
Os aparellos servirán para apoiar as funcións deste corpo policial en áreas como a loita contra o furtivismo e os incendios forestais e a protección do medio ambiente, entre outras relacionadas coa seguridade e a protección.
O material, orzado en 16.200 euros, foi recibido polo comisario xefe da UPA, Jorge Rubal, e membros do Equipo de Resposta Policial (Erpol).
Ademais, nesta visita, o conselleiro insistiu na necesidade de cubrir o catálogo de persoal previsto para Galicia, establecido en 500 axentes e que na actualidade, conta con 344 membros, o que, segundo afirmou a Xunta, supón un déficit superior ao 30 % e que irá en aumento coas xubilacións.
Para Diego Calvo, esta situación pon en risco "a cobertura eficaz das numerosas competencias que foi asumindo a UPA ao longo dos anos, de especial relevancia na protección das persoas e do patrimonio colectivo".