A xustiza peruana decreta 36 meses de prisión preventiva para o expresidente Castillo
O expresidente está acusado de liderar presuntamente unha organización criminal
En decembro, a xustiza ditou para Pedro Castillo outros 18 meses de prisión preventiva por rebelión tras o falido autogolpe de Estado

Segunda prisión preventiva para Pedro Castillo en apenas tres meses. O Xulgado Supremo de Investigación Preparatoria aceptou este xoves a petición do Ministerio Público do Perú e ditou, para o expresidente peruano, 36 meses de prisión preventiva. Está acusado de liderar unha organización criminal e dos presuntos delitos de tráfico de influencias e colusión.
Durante a vista, o xuíz considerou "idónea e proporcional" a petición formulada pola Fiscalía porque entende que o proceso “reviste un alto nivel de complexidade”.

Pedro Castillo permanece desde decembro na cadea tras o falido autogolpe de estado co que pretendía instalar un Goberno de excepción. Daquela, a xustiza ditara para el 18 meses de prisión preventiva por un presunto delito de rebelión.
Tras este segundo proceso, a Fiscalía calcula que o exmandatario podería permanecer ata 32 meses en prisión.