Activan os mecanismos de protección por unha vertedura de xurro preto do Tambre en Trazo
Os concellos da contorna recibiron avisos por se a subministración de auga se puidese ver afectada

Emerxencias activou os mecanismos de protección por unha vertedura de xurro próximo ao río Tambre, polo que xa se deu aviso aos concellos de Trazo, Santiago, Val do Dubra, A Baña, Ames, Brión, Outes, Noia e Negreira, por se a súa subministración de auga puidese verse afectada.
Foi un veciño o que chamou ao 112 a última hora deste martes alertando da vertedura no Rego do Souto, en Trazo, próximo ao Tambre, o que permitiu activar de inmediato os mecanismos de protección xunto con autoridades locais.
Paralelamente, os xestores do 112 Galicia, en coordinación cos técnicos da Axencia Galega de Emerxencias e da Dirección Xeral de Emerxencias, informaron o persoal do centro de control de verteduras, pertencente a Augas de Galicia.
Tras as primeiras inspeccións dos técnicos de control de verteduras, a mancha aínda non alcanzou o curso principal do Tambre, polo que se continúa cos traballos para restablecer a seguridade na zona.
A conselleira de Infraestruras asegura que as medidas de contención postas en marcha para evitar o trasvasamento de xurros ao río Tambre están sendo eficaces. Ethel Vázquez asegura que están vixiando a calidade da auga con analíticas e, polo momento, o río Tambre non está afectado.

En setembro do ano pasado, outra vertedura de 200.000 litros de xurros dunha explotación gandeira, tamén de Trazo, no río Tambre, provocou problemas de subministración nos concellos de Santiago e Ames.