Un ano da vertedura de granulados plásticos no litoral galego
26 toneladas de granulados plásticos chegaron ata praias galegas
Entidades pesqueiras, marisqueiras e ecoloxistas piden controis máis estritos no transporte deste material

O 8 de decembro de 2023, o Toconao, un cargueiro coa bandeira de Liberia, perdeu fronte ao litoral portugués seis contedores de mercancía, dos cales polos menos un, transportaba granulados de plástico. Días despois, produciuse o primeiro avistamento deste material contaminante en praias galegas.
Os granulados son pequenas bolas de menos de 5 milímetros de tamaño que se empregan na fabricación de produtos de plástico. As súas pequenas dimensións dificultan tamén a súa recollida. Nas praias galegas chegaron a derramarse arredor de 26 toneladas destes plásticos.
Este venres, un ano despois da vertedura do Toconao, diferentes organizacións pesqueiras, marisqueiras e ecoloxistas, entre as que se atopa Ecoloxistas en Acción, pediron "máis ambición" na proposta de regulamento para frear a contaminación por granulados plásticos que votará o Consello de Medio Ambiente o vindeiro 17 de decembro.
Advertiron que desastres como o do Toconao seguiranse a producir se non se realizan controis máis estritos no transporte deste material plástico. Este tipo de verteduras poñen en risco o sector pesqueiro e marisqueiro, ao afectar á biodiversidade, ao medioambiente e aos recursos marítimos.
Aínda que as organizacións celebran os recentes avances na regulación europea para previr a perda de granulados plásticos, tamén subliñan que a normativa actual presenta "importantes carencias", xa que o transporte marítimo, protagonista en incidentes como o do Toconao, "podería quedar fóra".
"Isto sería un erro crucial, xa que reforzar a seguridade no transporte, con embalaxes máis resistentes e medidas de estibado adecuadas, é crucial para evitar futuras verteduras", afirmaron.
Por outra parte, indican que a contaminación en zonas industriais, que ocorre en outras partes do territorio como Tarragona, evidencia a "falta de controis efectivos", o que supón que miles de granulados plásticos "rematen anualmente no Mediterráneo, afectando gravemente á fauna mariña e ás comunidades costeiras".
Para evitar que nunca máis se repitan desastres deste tipo, propoñen que as empresas e instalacións que manipulan estes materiais implementen plans obrigatorios de prevención, contención e limpeza por mor de posibles fugas. Apostan tamén pola creación dun sistema de certificación independente que supervise o cumprimento destas medias.