Polémica polo adianto de varias festas de fin de ano en Galicia para salvar as restricións
Salas da Coruña cancelan os eventos previstos para hoxe tras advertir o presidente da Xunta que quedarían sen axudas
Ante as suspensións de fin de ano, algúns establecementos convocan hoxe os clientes. Malia as axudas, hai discotecas que decidiron non renunciar á que pode ser a caixa máis grande do ano. Esquivan así as restricións horarias, porque hoxe aínda poden estar abertas ata as cinco da mañá.
Porén, o presidente da Xunta pediu ao sector do ocio nocturno que pare todas as festas de Noitevella, tanto as previstas para o 31 como as que se adiantan a esta data, advertindo aos empresarios que adiantar a festa suporá non ter dereito ás axudas da Xunta.
"Quero pedir ao ocio nocturno que pare todas as festas de fin de ano e que se una ás axudas que a Xunta pon á súa disposición", instou o presidente, e dixo que a media das contías será de 6.000 euros, aínda que superan os 40.000 para os locais máis grandes e quedan en 2.500 euros para os máis pequenos.
Ademais, apelou aos empresarios do sector do ocio nocturno á "corresponsabilidade" cos cidadáns para que "preserven a saúde e a economía" nun "momento moi delicado" pola evolución da pandemia.
Por iso, algunhas discotecas da Coruña decidiron suspender a festa de Fin de Ano que adiantaran para este mércores. O xerente da Sala Pelícano, Luís Diz, explicou que finalmente decidiron non abrir tampouco esta noite porque a Consellería de Sanidade trasladoulles “datos moi preocupantes” de contaxios. “Cremos que os casos van subir igual porque a xente non vai quedar na súa casa en fin de ano e celebraranse festas privadas, pero non será pola nosa culpa”, sostivo Diz.
O tamén presidente de Galicia de Noite cre que as restricións “estigmatizan o sector”, pero recoñece que “non ten sentido estirar o chicle”. “Non temos expectativa”, lamentou sobre unha futura data de reapertura.