Adolfo Domínguez perde 3,5 millóns aínda que medra en vendas internacionais
Adolfo Domínguez conta con 347 puntos de venda en 22 países e unha facturación anual de 114,2 millóns de euros no último exercicio
As tendas internacionais supoñen xa o 58 % da rede comercial do grupo de moda

A firma téxtil Adolfo Domínguez contabilizou perdas de 3,5 millóns de euros entre os meses de marzo e maio, todo iso malia ao tirón das súas vendas, que medraron un 13,5 % e se dispararon internacionalmente un 32 %.
A empresa, con sede no polígono de San Cibrao das Viñas, en Ourense, facturou 21,8 millóns de euros, un 13,5 % máis que o mesmo período do ano anterior, segundo os datos publicados na Comisión Nacional do Mercado de Valores.
Isto débese, en parte, á aposta pola internacionalización, que "continúa impulsando o crecemento da marca de moda de autor", destaca a compañía, que ten un 58 % dos seus puntos de venda fóra de España, con algúns dos seus destinos no Xapón, Oriente Medio e América Latina.
Na actualidade, a marca conta con oito novos establecementos en Europa, outros tres en Asia e Oceanía, os mesmos que en América.
A isto hai que sumarlle a aposta pola optimización da súa operativa loxística, dixitalización e posta en marcha de novas plataformas para unha maior interacción coa súa carteira de clientes, cada vez máis rexuvenecida, segundo explica.
“Tras alcanzar a senda da rendibilidade, sentamos as bases para crecer de maneira sostible. Apostamos pola internacionalización e innovación como principais pancas para impulsarnos cara ao futuro”, sinalou o conselleiro delegado de Adolfo Domínguez, Antonio Puente.
Entre as aperturas, destaca o espazo da firma de moda de autor no outlet premium de Mitsui Park Kadoma en Osaka (Xapón) e a súa nova tenda no Dubai Hills (Dubai, Emiratos Árabes), froito do acordo asinado con Chalhoub Group, mentres que a marca comezou a súa actividade en Ecuador, Panamá e Paraguai.
A compañía destacou a alianza subscrita co grupo Chalhoub, o maior distribuidor de luxo de Oriente Medio, que permitirá a Adolfo Domínguez abrir 16 novos establecementos na zona nos próximos catro anos.
As tendas internacionais supoñen xa o 58 % da rede comercial do grupo de moda, 14 puntos máis que en 2016.
Adolfo Domínguez conta con 347 puntos de venda en 22 países e unha facturación anual de 114,2 millóns de euros no último exercicio.