Aidoo, pendente do recoñecemento médico para asinar co Valladolid
O central non entra nos plans de Giráldez e tentará xogar minutos despois da súa grave lesión

Unha das operacións que quere pechar o Celta é a cesión de Joseph Aidoo ao Valladolid. O central non conta para Giráldez (só xogou 1 minuto no que levamos de campionato de Liga) e buscará os minutos nun equipo que precisa reforzos para manter a categoría. Para o xogador tamén é unha opción prioritaria cambiar de aires e poder gañar noutro equipo coa titularidade a confianza perdida, pero para iso ten que superar o recoñecemento médico no equipo de Valladolid.
A grave lesión que sufriu xogando un amigable coa súa selección de Ghana truncou a traxectoria dun defensa que era, ata ese intre, indiscutible na zaga celeste. Aidoo asinou co Celta en 2019 e converteuse nun dos ídolos da afección. Durante catro campañas amosou unha gran regularidade e bo rendemento, pero todo mudou no mes de novembro de 2023. Rompeu o tendón de Aquiles e afrontou unha longa recuperación da que non conseguiu volver no seu mellor nivel. Volveu xogar un partido oficial precisamente contra o Valladolid no mes de setembro de 2024, pero non volveu aparecer nas aliñacións na Liga EA Sports. Si que o fixo na Copa, con dúas titularidades ante os modestos San Pedro e Salamanca.