Alcaraz perde con Medvedev a posibilidade de revalidar o US Open
O español caeu nas semifinais en catro sets (7-6, 6-1, 3-6, 6-3)
Carlos Alcaraz non poderá revalidar o título no US Open. O tenista español perdeu nas semifinais diante de Daniil Medvedev en catro sets (7-6, 6-1, 3-6, 6-3). O tie break do primeiro parcial resultou case definitivo para a sorte do encontro.
Os dous tenistas saíron moi concentrados. O ruso, perdedor dos últimos dous enfrontamentos, sabía os erros que non podía cometer diante de Alcaraz e abofé que mellorou o seu xogo. O set inicial foi á morte súpeta e aí deu un golpe letal.
Alcaraz desconectou do partido e, cando quixo darse conta, perdía por 3-0 no segundo set. Tentou reaccionar pero Medvedev puxo o 2-0 cun contundente 6-1. O murciano recuperou a concentración, rachou o servizo do adversario no terceiro set e meteuse no partido grazas a un 3-6 que lle daba opcións de lograr unha fazaña.
Pero no cuarto volveu ese xogo sólido de Medvedev, inalcanzable co seu servizo e que tirou proveito dunha posibilidade de break para sentenciar.
