Publicador de contidos

Publicador de contidos

Alcoa presenta ao comité de empresa a súa proposta final

Alcoa presenta ao comité de empresa a súa proposta final

Alcoa tería polo menos 32 cubas operando o 1 de abril de 2024 e o cento por cento das cubas o 1 de outubro de 2025

A empresa investirá 88 millóns de dólares e comprométese a non facer ERTE nin ERE ata que remate 2026

EFE 24/01/2023 20:52

Alcoa presentou este martes ao Comité de Empresa de San Cibrao (Lugo) a súa proposta final, que incrementa os investimentos na planta de aluminio e protexe os traballadores á vez que reduce o impacto do grande aumento dos custos asociados ao calendario do reinicio da actividade da produción de aluminio primario.

Segundo a multinacional, a proposta amplía o período de protección laboral dos traballadores da planta de aluminio, garante un período en que a electrólise deberá estar operativa e prevé un investimento adicional de 88 millóns de dólares na planta.

Mantén o novo arranque da produción de aluminio primario o 1 de xaneiro de 2024, aínda que se modifica o programa de arranque respecto ao acordo orixinal.

Segundo a proposta presentada, Alcoa tería polo menos 32 cubas operando o 1 de abril de 2024 e o cento por cento das cubas o 1 de outubro de 2025.

Durante ese período, o mínimo de cubas en funcionamento sería o maior de dúas opcións, 32 cubas ou o número de cubas que poidan manterse mediante os acordos de compra de enerxía (PPA), ata o momento en que poñan en funcionamento a totalidade das cubas. Desde o 1 de outubro de 2025, a produción mínima será do 75 % da capacidade de produción total de 228.000 toneladas/ano ata finais de 2026.

A alúmina utilizada na planta de aluminio compraríase á refinería

Segundo a proposta, Alcoa investiría 88 millóns de dólares, ademais dos 103 millóns de dólares previstos no acordo orixinal para investimentos de capital e custos de rearranque. A maior parte do compromiso adicional destinaríase ao forno de cocción de ánodos e ás barras de compensación magnética.

Outros proxectos, como o novo transformador, o forno de homoxeneización e as catro mesas de coada que formaban parte do acordo orixinal, continúan en desenvolvemento. Ademais, engádese o novo proxecto Gas Insulated Switchgear.

Con esta proposta, Alcoa tamén ampliaría o seu compromiso de non iniciar ERE nin ERTE en Aluminio Español ata o 31 de decembro de 2026, e tamén outros beneficios laborais. Os representantes dos traballadores comprometeríanse a manter a paz social polo menos ata o 31 de decembro de 2026.

A proposta, pendente de aceptación polo Comité de Empresa antes do 6 de febreiro de 2023, modificaría o acordo orixinal alcanzado en decembro de 2021.

Todos os elementos incluídos no acordo de decembro de 2021 e non modificados polos termos desta proposta de mellora seguirán vixentes, conclúe o comunicado da empresa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade