Alerta en Portugal ante condutores sen licenza de taxistas que enganan os turistas
As autoridades recomendan contratar taxis só nas zonas habilitadas nos aeroportos

Advirten dun aumento dos enganos a pasaxeiros nos aeroportos portugueses por parte de condutores sen licenza que se fan pasar por taxistas. En concreto, no Porto foron máis de cen casos o ano pasado e máis de 20 ata abril deste ano.
Pouco en comparación con Lisboa, onde as multas superaron en 2023 o millón de euros por mais dun milleiro de infraccións, que este ano van camiño de superarse.
É unha práctica que crece en toda Europa, e especialmente aquí, segundo a Policía de Seguridade Pública. Os condutores sen licenza adoitan abordar os pasaxeiros dentro da terminal. Prefiren os que chegan de fóra da Unión Europea, que traen efectivo e están esgotados pola viaxe.
Alén de competir en desigualdade de condicións co transporte regulado, tamén é habitual que esixan máis diñeiro ao entrar na cidade, chegando á extorsión. Por iso, as autoridades recomendan só coller taxis nas áreas indicadas ou vehículos a través de aplicacións para tal efecto. Os taxistas piden máis control e quéixanse de como isto impacta na súa imaxe.