Galicia, Asturias e Castela e León únense para reclamar o Corredor Atlántico
Alfonso Rueda defendeu que é o momento de facer esta reclamación "ante o risco de que non sexan atendidas as nosas demandas para atender as doutros lugares"
Santiago vai acoller o 27 de xaneiro un cumio de Galicia, Asturias e Castela e León para reivindicar o Corredor Atlántico do noroeste. Nesa reunión van estar os presidentes das tres comunidades (Alfonso Rueda, Adrián Barbón e Alfonso Fernández Mañueco), empresarios, portos e plataformas loxísticas. Pediranlle ao Goberno central investimentos para conseguir o obxectivo de triplicar o volume de mercadorías que se transportan por ferrocarril.
As tres comunidades demandarán a elaboración por parte do Executivo de Pedro Sánchez dun plan director do Corredor Atlántico que atenda as necesidades do noroeste e impulse os investimentos co apoio da UE.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu este venres que é o momento de facer esta reclamación, como están facendo outras rexións de España (en referencia á petición do Corredor do Mediterráneo), "ante o risco de que non sexan atendidas as nosas demandas para atender as doutros lugares".