Alumnado galego da FP proba na Estrada os seus prototipos de vehículos eléctricos
Participan nun proxecto de deseño e fabricación de coches eléctricos
Os mellores mediranse en diferentes carreiras a nivel nacional e nunha final internacional
Varios centros galegos de formación profesional participan nun proxecto de deseño e fabricación de prototipos de vehículos eléctricos. Puxéronos a proba nunha carreira celebrada este sábado no concello da Estrada.
"Foi moito proceso de proba e erro. Na carreira anterior tivemos un problema coa transmisión, queimamos un motor, aprendemos diso, mellorámolo", "na aerodinámica vai ben e polo peso non creo que teñamos ningún problema", din algunhas das alumnas de formación profesional.
É un proxecto de innovación con 14 centros representados. Ata esta proba achegáronse o conselleiro de Educación e o de Cultura e Xuventude.
"Chama a atención o ben que se están a facer aquí as cousas en materia educativa, a FP funciona", di o conselleiro de Cultura.
"É unha actividade moi motivadora, de innovación. Estamos nunha aula, é un proxecto educativo. Cuns criterio de sostibilidade, de respecto polo medio", engade o conselleiro de Educación.
Os alumnos, guiados polos profesores, deseñan, fabrican e pilotan os prototipos buscando a maior eficiencia na pista.
"O deseño non é só a montaxe, é tamén a aerodinámica, os custos, os patrocinios. O obxectivo é vir a unha carreira e probas o creado na aula", di o profesor Santiago Covelo.
Haberá máis probas coma estas e os mellores prototipos de vehículos eléctricos competirán noutras probas a nivel nacional e os clasificados chegarán a unha final internacional.
