Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aparece o cadáver dunha muller aboiando nunha fonte da Coruña

Aparece o cadáver dunha muller aboiando nunha fonte da Coruña

Ata o lugar desprazouse de inmediato unha patrulla da Policía Nacional para acordoar a zona e custodiar o cadáver ata que o xuíz ordene o seu levantamento

G24.gal 20/01/2025 08:59 Última actualización 20/01/2025 15:02

Un cadáver apareceu aboiando esta madrugada na fonte da praza de Salvador de Madariaga, no barrio coruñés do Ventorrillo. Foi un veciño quen o atopou ao pasar polo lugar. A Policía Nacional confirmoulle á CRTVG que se trata do corpo dunha muller de idade avanzada.

Aboiando boca abaixo, en zapatillas e vestida cun pixama. Así atopou o corpo sen vida dunha muller duns 90 anos, contra as sete da mañá, unha veciña deste barrio do Ventorrillo, que só accedeu a falar con nós por teléfono.

 "Baixei o can, coma todos os días. E achegouse á fonte porque lle gusta xogar alí e xa vin que había lago. Asusteime moito porque ao principio pensei que era un neno".

Ata o lugar desprazouse de inmediato unha patrulla da Policía Nacional para acordoar a zona e custodiar o cadáver ata que o xuíz ordene o seu levantamento. 

Urxencias Médicas alertou ao 112 do achado do corpo da muller. Ata o lugar tamén se desprazou a Policía Local e a Nacional.

Os servizos de emerxencias que se desprazaron ata o lugar confirmaron o que sinalara o primeiro alertador, sen que nada se puidese facer por salvarlle a vida á muller.

Todo apunta a que a nonaxenaria saíra da súa casa durante a noite sen que os seus se decatasen.

"Estaba en pixama e zapatillas o que fai pensar que saíu da casa sen moita lóxica".

Ao lugar achegáronse familiares da vítima, que, visiblemente afectados, estiveron arroupados polos axentes.

Pouco antes das nove e media da mañá procedeuse ao levantamento do cadáver, que foi conducido ao CHUAC para realizarlle a autopsia. 

As primeiras investigacións non apuntan a un feito violento

As primeiras investigacións non apuntan a un feito violento en relación á muller achada morta este luns na fonte dunha praza da Coruña. Así o confirmaron fontes próximas ao caso consultadas por Europa Press que sinalaron que, á espera do resultado da autopsia, non apunta "a nada delituoso nin violento". 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade