Cargando resultados...
Morre unha muller en Amoeiro intoxicada por acumulación de gas na súa vivenda
Unha veciña alertou os servizos de emerxencias, pero o 061 xa só puido certificar o seu falecemento

G24.gal
23/01/2025 13:39
Unha muller de idade avanzada faleceu na mañá deste xoves no municipio ourensán de Amoeiro ao intoxicarse por acumulación de gas na súa vivenda.
Diso informou o CIAE 112 Galicia, que recibiu o aviso ás 11:10 horas dunha veciña que se achegou á casa da falecida, situada na estrada OU-0524 ao seu paso pola parroquia de Parada de Amoeiro.
Desprazados ao lugar, o persoal sanitario de Urxencias Sanitarias 061 unicamente puido certificar a morte da ocupante da casa.
Pola súa banda, os profesionais do parque de bombeiros comarcal do Carballiño encargáronse de realizar tarefas de ventilación. A Garda Civil abriu unha investigación sobre os feitos.