Aparece en bo estado un home de 98 anos que levaba un día desaparecido en Verea
O máis probable é que se despistase cando ía visitar un sobriño nunha aldea próxima
Foi trasladado en ambulancia a un centro médico para facerlle un recoñecemento
Apareceu vivo e en bo estado Eloy Alonso Rodríguez, un home de 98 anos que desde onte estaba desaparecido na aldea de Gondesende, no concello de Verea, na comarca ourensá de Celanova. Desde que onte á tarde notaron a súa falta un amplo dispositivo estivo na súa busca polos montes que rodean a aldea.
Foi a pista dun veciño a que axudou a localizar o home. A Garda Civil dirixiuse á zona que lle indicou, un camiño no monte, e alí apareceu vivo Eloy Alonso Rodríguez, de 98 anos. Levaba desaparecido desde onte ao mediodía, e segundo nos confirmou o alcalde de Verea, aparentemente estaba en bo estado. O máis probable é que se despistase no camiño cara á aldea do Cexo, a onde ía visitar o seu sobriño.
O home foi trasladado en ambulancia a un centro médico para facerlle un recoñecemento completo. Pasou unha noite fóra da casa no monte e toda a veciñanza e a súa familia estaba xa moi preocupada. Un amplo dispositivo de busca estivo rastrexando desde onte a zona, un lugar complicado e de moito monte.

Finalmente a busca deu resultado e a chamada a berros dun veciño axudou a localizar a Eloy Alonso, moi cerca da súa aldea de Gondesende.