Aparecen lebres de mar en Vilaxoán
É unha especie moi pouco coñecida pero habitual nos fondos mariños da ría da Arousa

Os que foron á praia a Vilaxoán nos últimos días tiveron sol e tamén unha sorpresa... Atopáronse na area con varios exemplares dun animal viscoso que case ninguén coñecía.
Era un molusco grande e estaba vivo cando o fotografaron na praia do Preguntoiro. O Servizo de Emerxencia de Vilagarcía encargouse de identificalo: Aplysia punctata. Ou o que é o mesmo, unha lebre de mar.
É unha especie habitual nos fondos mariños da ría da Arousa. Non se comercializa e tampouco é habitual vela nas praias. Nos últimos días chegaron unha ducia de exemplares.
"Esta semana empezáronse a ver coas baixa mares. Son marróns. Como unha babosa pero moi grandes. Eu é a primeira vez. Debe ser que están as augas quentes ou non sei".
As causas de que aparezan nas praias son descoñecidas como descoñecida era a especie para a gran maioría dos bañistas e dos propios veciños de Vilaxoán.
"Nunca os vin por aquí. Para min son parecidos aos chocos".
O Seprona fixo o que se debe facer nestes casos: devolver a lebre de mar ao mar.