Aparecen novas probas do crime de Cortegada
Atopounas a exparella da sospeitosa, que reside actualmente na casa onde se cometeu o crime

Apareceron tres bolsas diferentes, en meses distintos e con restos de roupa queimada e un reloxo supostamente da vítima.
Atopounas a exparella da sospeitosa, que reside actualmente na casa. Un achado desconcertante para os membros da investigación, aseguran que é imposible que estes novos restos pasasen por alto na inspección ocular, polo que barallan a posibilidade de que alguén máis a axudase.
Lembremos o caso: era decembro de 2021 e a detida acudiu ao CHUO cunha crise psicótica, afirmando que atopara un home morto na súa vivenda.
Un día despois, a Garda Civil desenterraba as primeiras extremidades da vítima e ela confesaba que o asasinara en agosto. Ao parecer coñecéronse a través dunha aplicación de citas.
Supostamente drogouno, asfixiouno e calcinou o corpo que desmembrou cunha pa, para despois soterralo na leira da súa casa en Cortegada.