Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comesaña defende a competencia das empresas contratadas na pandemia, sinaladas pola oposición por vínculos con Feijóo

Comesaña defende a competencia das empresas contratadas na pandemia, sinaladas pola oposición por vínculos con Feijóo

Os exconselleiros de Sanidade Julio García Comesaña e Rocío Mosquera recoñeceron que o modelo do Álvaro Cunqueiro foi "máis caro", pero conseguiu que se construíse "en tempo récord" porque era moi necesario

Ata o 30 de decembro comparecerán na comisión 39 persoas incluídas no plan de traballo aprobado en solitario polo PP; entre elas o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o exministro de Sanidade Salvador Illa 

Comisión de investigación de contratos da Xunta, 8 de novembro de 2024. Europa Press. Comisión de investigación de contratos da Xunta, 8 de novembro de 2024. Europa Press.
G24.gal 22/11/2024 09:03 Última actualización 22/11/2024 21:13

O exconselleiro de Sanidade no período 2020-2024, Julio García Comesaña, defendeu a competencia das empresas contratadas de urxencia na pandemia, sinaladas pola oposición na  comisión parlamentaria de investigación sobre os contratos da Xunta en pandemia e a construción do Hospital Álvaro Cunqueiro que arrincou este venres no Parlamento de Galicia, polos seus vínculos familiares co expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Comesaña recoñeceu que o modelo do Álvaro Cunqueiro foi "máis caro", pero conseguiu que se construíse "en tempo récord", e defendeu a legalidade de todos os contratos de emerxencia.

Asegurou que a contratación sanitaria que se realizou durante a pandemia foi "exemplar" e considera que os resultados desta xestión "están aí" porque a comunidade galega foi a que tivo "menor taxa de mortalidade".

En concreto, no caso de Universal Support, concesionaria do servizo de rastrexadores e cuxo directivo é Ignacio Cárdenas, cuñado do exmandatario, salientou a súa experiencia previa no Samur de Madrid e a rapidez coa que dispuxo do seu persoal para atender o cometido.

A deputada do PSdeG, Patricia Iglesias, subliñou a carencia de experiencia previa co Sergas desta empresa e a súa condición de "centro de chamadas" para poñer en dúbida a súa competencia para exercer o servizo de rastrexo durante a pandemia. 

O BNG, a través do deputado Luís Bará, remarcou os "vetos" exercidos polo PPdeG para excluír comparecentes e documentación da comisión de investigación e reclamou a posta en disposición dos expedientes destas contratacións.

Polo PPdeG, o deputado Roberto Rodríguez definiu como "exemplar" a contratación do Goberno galego durante a pandemia e apuntou que o Consello de Contas non formulase "ningún reparo de legalidade" no seu informe. "Non hai caso", concluíu.

Rocío Mosquera xustifica a urxencia do Álvaro Cunqueiro

Na xornada de tarde, a ex xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e exconselleira de Sanidade Rocío Mosquera xustificou con dúas razóns a elección da concesión de obra pública para construír o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, o que supuxo, segundo o Consello de Contas, un custo de 470 millóns de euros superior a se se licitaran por separado a obra e os servizos.

Por unha banda, o "estado preocupante" do Hospital Xeral, que facía necesario contar cun novo "o máis axiña posible". Por outro, porque era a "única maneira de que non computase en débeda" nun contexto de crise económica e das novas regras fiscais que impuxeron Europa e o Estado. "A alternativa era construír ou non construír o hospital", resumiu.

O calendario da comisión

O calendario da comisión, que se estende ata o 30 de decembro, inclúe a citación de 39 persoas. A metade dos comparecentes está previsto que interveñan nas primeiras cinco xornadas. Entre eles, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o exministro de Sanidade, Salvador Illa, e a exconselleira de Sanidade durante o Goberno bipartito, María José Caride.

A oposición acusa o Partido Popular de "boicotear" a comisión de investigación, ao vetar as comparecencias e informes solicitados polo BNG e PSdeG e impoñer o seu plan de traballo. Nacionalistas e socialistas ameazan con levar o asunto ante os tribunais. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade