Doce partidos preséntanse ás eleccions do 18F, dez deles nas catro provincias
PPdeG, BNG, PSdeG, Sumar Galicia, Podemos, Espazo Común Galeguista, Vox, Pacma, Escanos en Branco e Por un Mundo máis Xusto presentan listas nas catro provincias
Democracia Ourensana e Izquierda por Almería, que se presenta por Lugo, son dúas das novidades desta convocatoria

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores as 42 listas electorais para as próximas eleccións do 18 de febreiro que enfrontará a un total de 12 partidos, dez deles nas catro circunscricións electorais.
Este total supón unha baixada significativa con respecto a xullo de 2020, cando se presentaron 56 listas en total fronte ás 42 que se rexistraron para estes comicios nas xuntas electorais provinciais correspondentes.
De forma común a todas as circunscricións, segundo a información recompilada por Europa Press preséntanse: PPdeG, BNG, PSdeG, Sumar Galicia (coalición), Podemos (coalición), Espazo Común Galeguista (coalición), Vox, Pacma, Escanos en Branco e Por un Mundo máis Xusto.
Estas dez listas son as únicas que, así mesmo, se presentan nas provincias da Coruña e de Pontevedra. Desta maneira, as diferenzas prodúcense nas provincias de Lugo e Ourense.
Na provincia de Lugo preséntase, como novidade, Izquierda por Almería, como anunciou en días pasados, mentres que na de Ourense faino Democracia Ourensana (DO), o partido do alcalde da capital, Gonzalo Pérez Jácome.
Con respecto a fai catro anos, unha das novidades é a reorganización do Espazo Común Galeguista, que, por exemplo, agora aglutina a Compromiso por Galicia.
Sumar Galicia e Podemos, por separado, toman a remuda da lista que en 2020 presentou Galicia en Común-Anova Mareas. Podemos, tras votar en contra os inscritos ao acordo con Sumar, preséntase en coalición con Alianza Verde e Recortes Cero.
Democracia Ourensana, que en 2020 non concorreu, faio agora. Ciudadanos e Cidadáns de Galicia desaparecen, do mesmo xeito que UPyD (que só se presentara en Pontevedra).
Tampouco se presenta o Partido Comunista dos Traballadores da Galiza nin o Partido dos Autónomos e Profesionais e Partido Libertario (que só se rexistrara na Coruña). Tampouco haberá lista en solitario de Equo, de Converxencia 21 (que só se presentara en Lugo) nin de Contigo Somos Democracia.