As forzas de seguridade coordínanse no simulacro dun incendio forestal en situación 2
En 2022 houbo que decretar situación 2 en vinte e un incendios
Zonas como O Courel e Valdeorras viron como as lapas ameazaban as aldeas poñendo en risco a poboación
Prepararse para unha emerxencia deste tipo, un incendio de situación 2, require simulacros como o que se organizou este luns na Coruña. Son un tipo de incendios cada vez máis frecuentes.
De feito, o ano pasado, en 2022, a situación 2 decretouse en 21 incendios forestais que acabaron por achegarse ás poboacións e tamén ás persoas. Son situacións moi delicadas, de moita alerta, que esixen dunha reordenación veloz de todos os recursos, e tamén dun gran dispositivo de coordinación.
Nun simulacro dun incendio que deixa de ser forestal para converterse nun Situación o que vemos é fume de bote, simulando o lume real achegándose ás casas. Unha situación detectada e informada a este posto avanzado de mando, móbil, no que se van coordinar todos os efectivos.
"Isto é un simuluacro porque imos comezar a campaña de verán e evidentemente vai haber incendios forestais. E trátase de engrasar o menanismo de colaboración entre todas as administracións, a autonómica, a central e a local. Neste momento temos en perigo un núcleo onde hai moitas vivendas e trátase, non dunha evacuación, porque hai un confinamento da poboación que se vai ver afectada polo fume", describe o Director Xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva.
O lume achégase ás vivendas e afecta tamen a vías de comunicación, que quedan cortadas para darlles prioridade aos vehículos de emerxencias. Danse avisos por megafonía aos habitantes da zona, neste caso a indicación é que queden confinados nas vivendas. En caso de lume real, podería combinarse co novo sistema de alertas telefónicas do 112.