Publicador de contidos

Publicador de contidos

Máis de 1.000 raios, 70 incidencias e un acumulado de máis de 70 litros en Cee

Máis de 1.000 raios, 70 incidencias e un acumulado de máis de 70 litros en Cee

Un dos raios caeu nunha casa en Pontevedra

No interior as temperaturas descenderon ata quedar por baixo dos 15 graos, en Manzaneda, ao mediodía, apenas pasaron dos cinco

Na madrugada deste xoves, Pontevedra e parte da Coruña estarán de novo en aviso amarelo por chuvias localmente intensas, entre as 00:00 e as 06:00 horas

G24.gal 26/08/2026 18:00 Última actualización 26/08/2026 21:33

A borrasca que puxo en aviso amarelo Galicia deixou intensa chuvia. Cee foi o concello onde máis choveu, cun acumulado de 74,2 litros por metro cadrado, seguido de Vimianzo, con 56,5, e Zas con 46,3. Todo iso, segundo os datos recompilados por Meteogalicia.

Máis de 1.000 raios e 70 incidencias

O 112 Galicia contabilizou desde o mediodía deste mércores unhas setenta incidencias relacionadas coa borrasca e A Coruña, con oito, foi a localidade en que máis avisos se trasladaron a ese teléfono. Na cidade, varias rúas alagáronse pola forza das precipitacións, incluído o paseo marítimo e tamén o recentemente inaugurado mercado de Monte Alto.

Máis aló de avisos relacionados coa caída de ramas en estradas e outros pola chuiva, o máis notable foi o que sufriu unha persoa en Pontevedra, na parroquia de Bora. Chamou ao 112 para indicar que un raio entrara na súa casa e que el non se atopaba ben. Foi atendido no punto polos sanitarios e a vivenda sufriu danos pero non foi necesaria a intervención dos bombeiros.  

A casa sobre a que caeu o raio está no Quinteiro, na parroquia pontevedresa de Bora A casa sobre a que caeu o raio está no Quinteiro, na parroquia pontevedresa de Bora

En total, contabilizáronse máis de 1.000 raios rexistrados desde as 16:00 horas, concretamente 1.076. O período de maior concentración foi entre as 18:00 e as 19:00 horas, con 334 raios.

Caída brusca das temperaturas

O termómetro caeu este mércores ata os 5,2 graos en Manzaneda ás 14:30 horas, a temperatura máis baixa rexistrada ata o momento en Galicia durante a xornada, na que moitas zonas do interior mantéñense por baixo dos 15 graos.

Curiosamente, ás 16:00 horas, o termómetro nesta localidade ourensá seguía marcando un valor baixo (6,1 graos). Segundo os datos de MeteoGalicia, o segundo rexistro máis baixo produciuse durante a madrugada en Baltar, con 9,8 graos.

Pola súa banda, as temperaturas máis altas localizáronse de forma puntual na Mariña e nalgunhas zonas do Miño de Pontevedra e Ourense.

 

Avisos para o xoves 

De cara á madrugada deste xoves, Pontevedra e parte da Coruña activarán novamente o aviso amarelo por chuvias localmente intensas, entre as 00:00 e as 06:00 horas. Poderán superar os 15 litros por metro cadrado nunha hora. 

O aviso afectará toda a provincia de Pontevedra e o interior e suroeste da Coruña. A previsión para mañá mantén ceo con intervalos nubrados e chuvia localmente fortes, ademais dun descenso das temperaturas e ventos do sur-suroeste, moderados en xeral e con intervalos fortes no litoral. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade