As praias das Rías Baixas están ateigadas coma se fose verán
Outra xornada de máis de trinta graos nos areais do sur de Galicia
Milleiros de persoas ateigaban onte praias coma a de Samil, e tamén serán moitas as que pasen hoxe e mañá polos areais das Rías Baixas para aproveitar os últimos días deste verán tan atípico do outono.
Unha vaga de calor froito do cambio climático que durará polo menos ata o mércores, con temperaturas por riba dos 30 graos en Vigo e Pontevedra. A praia nunha mañá de outono non é a mesma que no verán: hai cans, non hai nenos e todo é máis calmo. Estes días solleiros están a ser recibidos por moitos cos brazos abertos.
Este outono atípico está rexistrando temperaturas de récord, como os 32 graos e medio de onte, unha temperatura só superada polos 32,7 que se rexistraron en outubro de 2017, nos días fatídicos en que os incendios cercaron Vigo. Isto non é un verán persistente, o cambio climático é un feito. Auga quente, días calorosos... e tamén noites tropicais. Estes días solleiros sorprenden a todos.
Calor tamén na Mariña lucense, que adoita ter maiores temperaturas na primavera e no outono que en pleno verán. O chamado Caribe galego mantén a auga máis quente de Galicia e estes días, con temperaturas superiores aos trinta graos, está a bater todos os rexistros históricos de calor nun mes de outubro.