OPINIÓN
As propostas de reforma do mercado eléctrico enviadas por España á UE, por María Loureiro
O goberno español intenta convencer a Bruxelas para aprobar novas medidas reguladoras necesarias para construír un mercado eléctrico máis acorde cos tempos e cas necesidades de consumo actuais. Repasemos brevemente o que significa adaptarse aos tempos e ás novas necesidades.
Os tempos actuais caracterizan por unha situación política con alta incerteza causada pola guerra de Ucraína, que condiciona e afecta negativamente a subministración de gas ruso e se traduce nun aumento moi significativo dos prezos do gas en Europa, que se traslada ao sector enerxético, ao transporte e outros sectores dependentes.
En canto ás necesidades actuais, tamén é necesario lembrar que unha necesidade fundamental é a loita contra o cambio climático, o cumprimento do Tratado de París, ratificado pola UE no 2015, e considerar a necesidade imperiosa de reducir emisión na xeración de enerxía.
Debemos lembrar que aínda que a porcentaxe de enerxía renovable está en aumento, en España un pouco máis do 10 % das emisións provén do sector de produción enerxética e un 27% do transporte, o cal implica a necesidade de facer cambios tecnolóxicos importantes en tempo breve e apostar por fontes enerxéticas limpas.
En canto aos tempos actuais, e para conter o impacto da guerra de Ucraína, o goberno pretende renovar a chamada excepción ibérica ata o 2024. Coa excepción ibérica, Portugal e España conseguiron de forma temporal desvincular o prezo do gas da enerxía eléctrica e poñer un tope ao gas de 40 € MWh, mentres que na maioría dos países europeos o prezo do gas é de máis de 200 € MWh.
Isto fai que a enerxía baixase considerablemente de prezo nos últimos meses e que a inflación se comporte de modo xeral moito mellor en España que na gran parte dos países europeos. Por tanto, isto pon de manifesto que é certamente fundamental para a estabilización de prezos na economía máis a medio prazo ter prezos estables da enerxía e relativamente baixos.
E cara ás necesidades actuais, prevese aumentar as renovables, que hoxe producen ao redor do 50 % da electricidade consumida pero que en 2050 poden chagar ao 100 %. Para facer iso, preséntanse medidas que apoien a autoprodución e novos investimentos, xerando un marco de prezos mínimos. Este marco de prezos mínimos bótano moito en falta os produtores de renovables, que en momentos de moi alta produción e escasa demanda poden obter prezos de 0 €. Eses límites de prezo poden axudar a atraer novos investidores.
A medio prazo, e tamén relacionado co gas, preténdese tamén traballar non só nos condicionantes técnicos da oferta da enerxía, senón tamén en aspectos de regulación de mercados. En particular, preténdese desvincular para sempre o sistema de fixación de prezos por poxa marxinalista, en que primeiro sae a prezo máis barato a demanda producida polas renovables e despois a última unidade producida se poxa a prezo de gas e fai que case o prezo de mercado chegue xusto ao custo marxinal de producir esa última unidade demandada, xa que isto xera distorsións moi importantes e profundas no mercado enerxético.
Cara ao medio-longo prazo, tamén aparecen outras propostas relevantes. Algunha delas necesarias para evitar a alta variabilidade de prezos no sector enerxético, a non existir de forma popular hoxe en día contratos de subministración a medio e longo prazo. Estes contratos de medio prazo (tipo contratos de futuros) asegurarán a provisión enerxética a prezos pactados de antemán, evitando así o vaivén dos prezos do mercado diario (o spot market) e facilitarán a viabilidade económica da industria e doutros sectores.
Finalmente, tamén hai outras propostas encamiñadas non só a producir máis enerxía renovable, senón a aproveitar mellor a que se produce, facilitando o bombeo eléctrico das hidroeléctricas, medidas de almacenamento e outras para axustar a oferta á demanda, especialmente nas horas punta.
En resumo, moitas ideas con moitas implicacións para o sector e para os consumidores. Oxalá teña éxito España con estas propostas necesarias para modernizar o mercado eléctrico europeo, facendo compatible maior produción enerxética coa loita do cambio climático. A ver ata onde nos deixan chegar.