As xeadas provocan danos nos gromos das viñas en Quiroga
O frío puido estragar arredor dun 20 por cento da colleita
As xeadas provocaron danos nas viñas en comarcas do interior coma a de Quiroga ou Valdeorras. Debido ás baixas temperaturas nocturnas, os gromos que comezaban a asomar apareceron queimados. As zonas máis afectadas son aquelas onde as xemas das vides estaban máis desenvolvidas.
Manuel Mondelo, produtor vitivinícola: "Afectou principalmente as que ían máis avanzadas, pero están practicamente todas queimadas. As 'carrachas', como lles chamamos cando saen, queimounas todas o frío. Normal, porque hoxe mesmo pola mañá estabamos a -2 ºC".
Os produtores vitivinícolas teñen agora traballo por diante. Terán que arrincar os gromos queimados para que saian outros novos. Así e todo, aínda que se recupere a maior parte da produción, o frío puido estragar xa ata un 20 por cento da colleita deste ano.
Manuel Mondelo, produtor vitivinícola: "Agora haberá que limpalas, sacarlles o gromo ese para que saia outro no sitio. E como aínda é bastante cedo, seguramente se recuperen. Ao mellor non todo, pero si un 80%, porque aínda é bastante cedo".
Canto menor fose o desenvolvemento da vide, hai máis posibilidades de que xurdan novos gromos.