Detido un galego en relación co alixo de 1.100 quilos de cocaína interceptado en Vilanova
Con el son oito os arrestados nesta operación desenvolvida conxuntamente pola Policía Nacional e a Garda Civil
Prisión provisional para os sete albaneses detidos e o galego arrestado queda en liberdade con medidas cautelares
Ascende a oito o número de detidos na operación desenvolvida pola Garda Civil e a Policía Nacional que permitiu a desarticulación dunha organización criminal que se dedicaba ao transporte de 1.100 quilos de cocaína na comarca de Arousa.
A droga foi interceptada a bordo dunha embarcación cando a banda descargaba o alixo no municipio de Vilanova.
Aos sete arrestados nun primeiro momento de nacionalidade albanesa súmase agora un oitavo detido procedente da zona de Arousa.
Detidos na allada
A investigación iniciouse en novembro de 2024 cando os axentes detectaron a posible existencia dunha organización criminal, instalada no Salnés, dedicada ao tráfico de drogas.
Os axentes descubriron que a banda pretendía introducir unha importante partida de cocaína en Galicia. A finais do mes de decembro interceptaron no Atlántico unha embarcación de alta velocidade, dotada de tres motores de 450 cv de potencia cada un, en que viaxaban catro persoas a bordo.
Durante a pasada madrugada, un equipo do GEO da Policía Nacional realizou a abordaxe no momento xusto no que se atopaba alixando a cocaína en Rego do Alcalde, en Vilanova de Arousa.
Os axentes incautáronse de 1.100 quilos de cocaína e detiveron sete persoas que se dedicaban á carga e ao transporte da droga. Tamén aprehenderon unha pistola do calibre 9 mílimetros parabellum, dous vehículos, equipos de comunicación cos que se coordinaba o alixado e a embarcación de alta velocidade. Os sete detidos están sendo postos xa a disposición xudicial.
A operación continúa aberta
Esta operación, bautizada como operación Baroña, é o primeiro golpe que as forzas de seguridade desenvolven contra unha banda de orixe balcánica que tenta realizar unha descarga de droga directamente nas costas galegas.
A investigación, que continúa aberta, contou coa colaboración da DEA norteamericana, a Policía Xudiciaria de Portugal e a Aduana de Francia.
Instrúe dilixencias o Xulgado de Instrución número 3 de Vilagarcía de Arousa e a Fiscalía Especial Antidroga de Pontevedra.
Prisión provisional para os sete albaneses
Os detidos pasaron este xoves as disposición xudicial. O xuíz encargado do caso decretou prisión provisional, comunicada e sen fianza para os sete albaneses. O oitavo arrestado, o galego, quedou en liberdade pero con medidas cautelares. Ten a obriga de comparecer cada quince días no xulgado e a prohibición de saír do territorio nacional.