Atopan un corpo aboiando na auga na contorna do Paseo do Malecón no Barco de Valdeorras
O cadáver apareceu na beira do río, ao carón do malecón do Barco
A vítima é un indixente de 43 anos
Sospeitan que se estaba aseando no río
Contra as oito da tarde do mércores é cando localizaron o corpo, que foi trasladado ao hospital de Ourense para lle facer a autopsia. Un pai que paseaba pola zona coa súa filla foi o que deu o aviso.
Pablo Rodríguez Santín, policía local do Barco: "Estaba camiñando coa súa filla pola zona e a filla achegouse ao río para sacar unha foto e foi cando viu a persoa no interior do río. Parecía que levaba xa horas porque tiña o pé inchado e a cor non era a habitual".
O corpo estaba boca abaixo, entre dúas rochas, e cos pés descalzos. Sospeitan que se estaba aseando, como xa o viran facer o día antes. "Xa recibiramos o día anterior unha chamada dicindo que estaba aquí lavando os pés. Trátase dun transeúnte que probablemente viña aquí lavarse", sinala o axente.
Investigación
A Policía Local foi a primeira en chegar ao lugar e tamén a que se encargou de acordoar a zona, un procedemento habitual en calquera investigación, aínda que sinalan que, neste caso, non hai indicios de violencia.
Carlos Fariñas, Policía local do Barco: "Os compañeiros incluso estiveron mirando se había algún rastro de sangue nas rochas por se se golpeara, pero non se atopou nada. De todos os xeitos, deberá dicilo a Policía Xudicial non seu momento, que son os que investigan os feitos".
O falecido foi identificado como veciño da cidade de Ourense, de 43 anos. Segundo transcendeu, acababa de saír do cárcere e levaba uns días no Barco, vivindo na rúa.