Aumenta a axitación política en Colombia tras as protestas deste xoves
Manifestantes afíns ao Goberno bloquearon o acceso ao Palacio de Xustiza para protestar por que non se escollese o sucesor de Francisco Barbosa
O actual fiscal xeral foi acusado polo presidente Gustavo Petro de querer sacalo do poder

Colombia viviu este xoves unha xornada de protestas diante da Corte Suprema de Xustiza. Lideradas pola Fedración Colombiana de Traballadores, os manifestantes afíns ao Goberno bloquearon o acceso ao Palacio de Xustiza en Bogotá en protesta porque a Corte Suprema non elixiu a nova fiscal xeral, que substituirá a Francisco Barbosa, quen termina o seu período e é acusado polo presidente Gustavo Petro de querer sacalo do poder.
Petro, que nos últimos días convocou mobilizacións en defensa do seu Goberno, acusou a Barbosa de promover unha "ruptura institucional" e un suposto "golpe de Estado", á vez que urxiu a Corte Suprema para que elixa o sucesor do fiscal, que acaba o seu período o vindeiro luns.
Os manifestantes bloquearon os accesos ao Palacio de Xustiza para impedir a saída dos maxistrados, que finalmente foron sacados do edificio horas despois pola Policía, cuxa intervención ordenou o propio presidente.
O asedio foi condenado por líderes políticos e económicos, algúns dos cales pediron non esquecer a sanguenta toma, o 6 e 7 de novembro de 1985, do Palacio de Xustiza por guerrilleiros do M-19, en que militou Petro, que concluíu cunha violenta retoma do Exército, co resultado de 94 mortos, entre eles 11 maxistrados, decenas de feridos e 11 desaparecidos.