Aumentan a 26 as vítimas mortais polos tornados en Misisipi e Alabama
O Servizo Meteorolóxico nacional di que hai risco elevado de fortes tormentas este domingo

O número de vítimas mortais polos tornados deste venres en Misisipi e Alabama, no sur dos Estados Unidos, aumentou a 26, segundo informan as autoridades. Tamén hai ducias de persoas feridas e varias en paradoiro descoñecido.
O Servizo Meteorolóxico nacional avanzou que hai un risco elevado de que se produzan fortes tormentas este domingo nestes dous estados e no leste de Luisiana.
O gobernador de Misisipi, o republicano Tate Reeves, visitou a zona damnificada e declarou o estado de emerxencia. O presidente estadounidense, Joe Biden, ofreceu "pleno apoio federal" para que as comunidades poidan "recuperarse dos efectos desta tormenta".
"As imaxes de todo Misisipi son arrepiantes. Malia que aínda estamos a avaliar o alcance total dos danos, sabemos que moitos dos nosos concidadáns non só están aflixidos por familiares e amigos, senón que tamén perderon os seus fogares e negocios", apuntou nun comunicado.
O lugar máis afectado polos tornados foi Rolling Fork, no condado de Sharkey, en Misisipi. "Gran parte da cidade quedou destruída", incluídos todos os negocios nun tramo comercial e retallista dunha estrada local, declarou o exalcalde da localidade Fred Miller á canle Fox News.