Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Casa Branca anuncia que 'influencers' e 'podcasters' terán un sitio na sala de prensa

A Casa Branca anuncia que 'influencers' e 'podcasters' terán un sitio na sala de prensa

"Damos a benvida a xornalistas independentes, podcasters, influencers e creadores de contido e urxímolos a solicitaren credenciais para cubrir esta Casa Branca", anunciou a nova portavoz Karoline Leavitt

A nova portavoz da Casa Branca, Karoline Leavitt (Reuters) A nova portavoz da Casa Branca, Karoline Leavitt (Reuters)
G24.gal 28/01/2025 21:15

A portavoz da Casa Branca, Karoline Leavitt, anunciou este martes na súa primeira conferencia de prensa que os influencers de redes sociais, podcasters, blogueiros e representantes de novos medios contarán cun espazo na sala de prensa da Casa Branca.

Leavitt referiuse como "medios tradicionais" aos grandes diarios e cadeas de televisión estadounidenses, que ocupan os 49 asentos da sala de prensa, e explicou que debido á grande audiencia dos novos medios estes tamén terán un lugar na sala.

"Abriremos esta sala de prensa a novas voces mediáticas que producen contido informativo e cuxos medios non estean representados nestes asentos. Damos a benvida a xornalistas independentes, podcasters, influencers e creadores de contido e urxímolos a solicitaren credenciais para cubrir esta Casa Branca", anunciou.

Segundo a portavoz, estes novos medios situaranse na fila lateral da sala, tradicionalmente ocupada por asistentes da secretaria de prensa e outro persoal. Ese espazo será denominado o "novo asento de medios".

Con esta medida, a reorganización da sala de prensa non privará de asentos os grandes medios estadounidenses, senón que se outorgarán novos espazos aos novos.

A sala de prensa da Casa Branca conta con 49 asentos, todos adxudicados a un medio específico. Dispoñer dun asento facilita a posibilidade de formular preguntas ao portavoz, aínda que calquera xornalista con credenciais emitidas pola Oficina de Prensa da Casa Branca pode asistir de pé ás conferencias de prensa.

A primeira fila está reservada para a axencia Associated Press e correspondentes de grandes cadeas de televisión como NBC, Fox, CBS, ABC e CNN. A segunda fila está ocupada por importantes diarios como The Wall Street Journal, The Washington Post e The New York Times, entre outros.

Tradicionalmente, a primeira pregunta da conferencia de prensa realízaa Associated Press.

Con todo, Leavitt sinalou que, como reflexo dos novos tempos, na primeira conferencia de prensa do segundo mandato de Donald Trump a primeira pregunta sería para os xornalistas de Breitbart News, un medio de ultradereita, e para o portal Axios.

Así mesmo, a portavoz anunciou que a Casa Branca restablecerá as credenciais de prensa dos 440 xornalistas cuxos pases foron revogados durante a Administración de Joe Biden (2021-2025).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade