Buscan dous desaparecidos no río Texo en Lisboa tras o choque de dous barcos
Os desaparecidos son dous pescadores que ían nunha embarcación que foi golpeada por un transborador de transporte de pasaxeiros

As autoridades portuguesas buscan dous desaparecidos tras o choque entre un ferri e un barco de pesca no río Texo, á altura de Lisboa, que tamén deixou dous feridos, un grave e outro leve.
O accidente tivo lugar na tarde do luns entre unha embarcación de pesca e un transbordador de transporte de pasaxeiros que conecta a capital lusa coa localidade de Barreiro, no distrito de Setúbal.
Os desaparecidos son dous pescadores que ían na embarcación que foi golpeada polo transbordador, explicou este martes a xornalistas o comandante do porto de Lisboa, Paulo Vicente, quen alegou que a probabilidade de atopalos con vida "é extremadamente reducida ou negativa".
Participan nas procuras deste martes cinco embarcacións salvavidas, medios da Capitanía de Lisboa e da Capitanía da veciña Cascais.
A Autoridade Marítima Nacional lusa explicou o luns nun comunicado que recibiron a alerta sobre as 17:05 horas (mesma hora GMT) de parte do propio transbordador e que ao chegar ao lugar confirmaron que había dous feridos da embarcación de pesca, un grave e outro leve, que foron derivados a un hospital.