Carlos Sainz gaña o Gran Premio de México de Fórmula 1
O madrileño completou unha gran fin de semana coa pole e a vitoria na carreira

Carlos Sainz sumou en México o seu segundo Gran Premio da temporada, a última que vai pasar en Ferrari, escudería á que lanza no campionato de construtores co terceiro posto de Leclerc. Gran parte do traballo xa estaba feito coa pole conseguida nos adestramentos polo madrileño. Pero, na saída do Gran Premio, víase sorprendido por Max Verstappen, que o superaba na primeira curva, xusto antes de saír un safety car polo accidente de Tsunoda.
Non perdeu a concentración Sainz, que, trasa bandeira verde, amosou o seu ritmo superior. Na volta 9 daba conta do neerlandés para volver á cabeza de carreira. A pelexa estaba servida entre os dous grandes candidatos ao título, e disto tiraba proveito Charles Leclerc, que se colocaba de segundo logo dunha manobra que lle custou unha sanción de dez segundos a Verstappen.
Cos dous Ferrari na cabeza, a carreira parecía cómoda, xa sen Fernando Alonso na pista. Na súa carreira número 400, o asturiano tivo que abandonar por avaría do seu Aston Martin.
No treito final volveu a emoción ao circuíto. E é que Lando Norris volveu aumentar o ritmo, comezou a axexar a Leclerc e acabou superándoo na entrada á liña de meta, co monegasco cometendo un erro que case o saca da pista. Só quedaban dez voltas para o remate, e Carlos Sainz administrou a súa renda de oito segundos para gañar un novo gran premio, o cuarto da súa carreira no Gran Circo. A pelexa do último xiro era pola volta rápida, que lle arrebatou Leclerc a Norris despois de parar en boxes. Foi un mal menor para o británico, que se coloca a 47 puntos de Verstappen na loita polo campionato, con catro carreiras por diante.
