Centenario da morte de José Sellier, pioneiro do cine galego
Un 21 de novembro de 1922 falecía na Coruña José Sellier
Como fotógrafo, retratou a Elisa e Marcela na súa voda
Podería ser tamén autor da primeira película en España
A cidade da Coruña recorda a José Sellier no centenario da súa morte. Sellier nacera un 13 de agosto de 1850 en Francia e trasládase en 1886 á Coruña. Traballa como fotógrafo ata que comeza a experimentar coa imaxe en movemento. Foi un pioneiro do cine en Galicia grazas a un cinematógrafo que comprara aos mesmísimos irmáns Lumiere.
En xuño de 1897 roda a que sería a primeira película galega coñecida, "O enterro do xeneral Sánchez Bregua", aínda que se coñece a existencia doutras anteriores de contido indeterminado. Logo virán outras estampas da cidade, como as ondas na praia de Orzán nun día de temporal ou a saía dos traballadores da fábrica de gas. Este 2022 fanse 125 anos desas gravacións e 100 anos da morte de José Sellier.
Hoxe sabemos tantas cousas da súa vida e traballo grazas ás investigacións de José María Folgar xunto co catedrático Jose Luis Castro de Paz, que recorda ao pioneiro no Diario cultural da Radio Galega.