Comezan as obras para facer un hotel no faro do cabo Silleiro
Abrirá en xuño con dezaseis cuartos de luxo e un restaurante
Un século despois de inaugurarse, o faro do cabo Silleiro inicia unha nova vida. Tras recibir a licenza municipal, esta semana comezarán as obras para converter en hotel o edificio onde chegaron a vivir catro fareiros. Os promotores prevén abrir o establecemento no mes de xuño, con dezaseis cuartos de luxo e un restaurante, repartidos en dúas plantas baixo a lanterna, que seguirá guiando os barcos.
É o quinto faro galego que se destina a uso turístico, tras os de Illa Pancha, Estaca de Bares, Fisterra e Carnota. Na presentación do proxecto este luns en cabo Silleiro, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, dixo que estes hoteis son un exemplo da aposta de Galicia pola excelencia turísitica.
"Gustaríame facelo en máis sitios de Galicia e para iso queremos facer a lei do litoral. Hai emprazamentos que terían un uso turístico fantástico, respectando a contorna e poñéndoos en valor, pasando de ruínas a sitios coidados e cunha segunda vida económica. Porque a costa hai que preservala, pero na costa tamén hai que vivir e crear riqueza".
O proxecto tamén prevé transformar en restaurante as ruínas do vello faro de Silleiro, que está a carón do mar e do Camiño Portugués da Costa, unha das rutas xacobeas que máis está medrando en peregrinos.