Como se debe actuar ante un accidente que ten lugar nunha ponte
Os coches que non poden circular nunca deben saír marcha atrás ata que se garanta a seguridade da vía
Eran as oito e vinte da mañá de onte cando, por causas que aínda se descoñecen, un coche que circulaba polo carril exterior da ponte de Rande comezou a arder. A partir de aí empeza o caos. Os coches que circulaban tras el quedaron atrapados e impediron o paso do camión de bombeiros.
"Cando chegan alí, comproban que o vehículo está ardendo na plataforma exterior que se habilitara hai uns anos e que non había acceso, porque había unha caravana de coches xa previamente. Esa vía non ten beiravía, entón non permite o paso dun camión de bombeiros, aínda que o coche se aparte un pouco. Entón a manobra que se tivo que facer aí foi continuar pola ponte de Rande ata o final e acceder o camión dos bombeiros en sentido contrario por ese mesmo vial", explica Patxi Mariño, sarxento do Parque de Bombeiros do Morrazo.
A ponte converteuse nunha rateira. Os vehículos que quedaron atrapados tiveron que saír marcha atrás polo mesmo carril, algo que se desaconsella ata que se garanta a seguridade do vial.
"Claro, cando ven a Garda Civil, cando ven autoestradas e con sinalización, con seguridade permiten a saída marcha atrás, entón é cando poden saír de aí. Ata ese momento os coches teñen que quedar aí por seguridade, porque dar marcha atrás nunha autestrada é moito risco, e entón iso hai que evitalo", continúa Mariño.
Que hai que facer entón?
"Intentar levar o coche o máis á dereita posible, porque ao mellor un camión de bombeiros non pode pasar, pero unha ambulancia si", recomenda o sarxento do Parque de Bombeiros do Morrazo.
Saír do coche e poñernos nunha zona segura para evitar ser atropelados é o seguinte que debemos facer.
"Se nos toca despois pola parte de diante, mellor é evacuar a vía, porque posiblemente sexa o acceso de bombeiros", finaliza Patxi Mariño.