Condena a Roja Directa a pagar 31 millóns de euros por piratear partidos de fútbol
É o mesmo xulgado que en 2016 ordenou a Roja Directa o cesamento das emisións dos partidos e que agora resolveu a demanda para fixar a cantidade que debe aboar á empresa propietaria dos dereitos

O Xulgado Mercantil número 2 da Coruña condenou a Roja Directa, web de contido deportivo ilegal, a aboar 31,6 millóns de euros ao Grupo Mediapro polos danos e prexuízos causados polo pirateo de contidos de fútbol propiedade do grupo na temporada 2014-2015.
Trátase do mesmo xulgado que en 2016 ordenou a Roja Directa o cesamento das emisións dos partidos e, agora, nunha sentenza á que tivo acceso EFE, resolveu a demanda para fixar a cantidade que debe abonar á empresa propietaria dos dereitos polo lucro cesante.
Aínda que Mediapro aspiraba a ser indemnizada desde o ano 2010 ata o cesamento das emisións, a maxistrada Salomé Martínez limita os efectos á tempada 2014-15, nunha sentenza que non é firme e contra a que cabe recurso de apelación nun prazo de 20 días.
A xuíza condena á empresa Puerto 80 Projects S.L.U. ao pago de 15.821.250 euros e determina que unha cantidade idéntica debe ser abonada solidariamente por esa empresa e o seu administrador Igor S. M.
A indemnización está calculada segundo a cantidade que tería percibido a empresa se o infractor tivese pedise autorización para utilizar o dereito de propiedade intelectual en cuestión.
No caso de Gol TV, o operador de televisión prexudicado, a xuíza non acepta a súa reclamación ao desacreditar o informe pericial polo cal solicitaba unha compensación de 7 millóns de euros.
Roja Directa daba acceso en España a contidos ilegais vulnerando os dereitos de propiedade intelectual a través de ligazóns que permitían ver en directo os partidos da Liga española e outros contidos deportivos que se emitían en televisión de pago.
Aínda que para o usuario o acceso era gratuíto, Puerto 80 Projects obtiña ingresos millonarios a través da publicidade e da cobranza de comisións por desviar tráfico a webs de casas de apostas deportivas. Informes periciais xudiciais de 2022 evidenciaron ingresos de máis de 11 millóns de euros nunha soa das contas da sociedade.
Mediapro apuntou que, paralelamente, o responsable e administrador único de Puerto 80 Projects está a facer fronte a un proceso penal, impulsado polo grupo e LaLiga, por un delito continuado contra a propiedade intelectual a través de Roja Directa e polos beneficios obtidos con esta actividade ilegal. O fiscal do proceso, que se atopa en fase de xuízo oral, solicita 4 anos de cárcere, mentres que Mediapro e LaLiga piden 6.
O grupo audiovisual recalcou igualmente que Puerto 80 Projects, que "continúa coas súas actividades ilegais fóra de España", e o seu administrador debían depositar unha fianza de 4 millóns para facer fronte a futuras responsabilidades dada a "especial transcendencia económica" das ganancias obtidas e os prexuízos causados, segundo as conclusións do fiscal.