Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aprazado ata marzo o xuízo contra un home acusado de queimar unha vivenda en Paderne co seu fillo no interior

Aprazado ata marzo o xuízo contra un home acusado de queimar unha vivenda en Paderne co seu fillo no interior

A Fiscalía pide para o acusado 13 anos de cadea e a acusación particular, 20 anos

A defensa solicita a libre absolución polo delito de incendio

G24.gal 27/01/2025 13:03 Última actualización 27/01/2025 13:50

O home que esta mañá sentou no banco dos acusados está investigado por verter disolvente e prender lume a unha vivenda en Paderne, preto de Betanzos, cando estaba o seu fillo no interior, e co que mantivera unha discusión previa.

Porén, nesta vista non puido dar a súa versión dos feitos porque quedou suspendida. O avogado da acusación particular non compareceu alegando unha enfermidade. 

"Vaise discutir a autoría material de quen foi a persoa que prendeu lume dentro dunha casa. Unha casa familiar. E como o Ministerio Público e a acusación particular din que houbo risco para a vida estase pedindo unha pena moi elevada", explica Rubén Veiga, avogado da defensa.

A Fiscalía solicita 13 anos de cadea e a acusación particular a pena máxima, 20 anos de prisión. A defensa,  a libre absolución polo delito de incendio.

"Nós o que defendemos é que o meu patrocinado non foi o autor material, senón que foi o fillo", engade Veiga.

Os feitos remóntanse ao 9 de agosto de 2018. Daquela, o proxenitor visitou a vivenda do seu fillo, provisto dunha bolsa onde tiña bidóns de disolvente. E segundo o escrito de acusación, unha vez que accedeu ao interior, verteu o líquido no chan da cociña e da sala, iniciando, deseguido unha discusión co seu fillo quen intentou arrebatarlle o chisqueiro para evitar que se iniciase o incendio.

Porén o agora investigado si logrou prender lume e o seu fillo conseguiu fuxir por unha ventá, presentando lesións como consecuencia do forcexo. O procesado nunca foi detido por estes feitos e, polo momento, segue en liberdade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade