Condenan un construtor por estafar ducias de clientes con contratos de reformas que nunca fixo
Victor Aparicio aceptou nos xulgados de Pontevedra unha condena de ano e medio de prisión e comprometeuse a devolver os cartos estafados á denunciante
A sentenza senta un precedente para as ducias de afectados que agardan por xuízo
Estaba en busca a captura e hoxe presentouse por fin no xulgado de Pontevedra. Víctor Aparicio, o construtor acusado de estafar varios clientes aos que lle cobrou obras de reforma e non as realizou, recoñeceu os feitos e chegou a un acordo coa primeira denunciante que o levou ao xulgado. Aceptou unha condena de ano e medio de prisión e devolverlle os 9 .000 euros que lle estafou. A sentenza foi recibida con satisfacción polos demais denunciantes.
Carme, Maite, Iria e Ana apenas podían conter a tensión e os nervios ao ver sentar por fin no banco dos acusados este home, Víctor Aparicio, o construtor que supostamente as estafou a elas e a ducias de clientes máis.
Carme contratoulle a reforma dunha vivenda en Cangas en 2019. Pediu un préstamo, adiantoulle 10.000 euros, non executou a obra e mesmo se apropiou dun frigorífico que mercara para a nova casa. Carme conta que segue pagando o crédito, o alugueiro dunha vivenda e sen a obra que tanto agardaba.
Despois de non presentarse o martes ao xuízo, Víctor aceptou hoxe un acordo con Carme, a primeira en denuncialo. Foi condenado a ano e medio de prisión, e a devolverlle os cartos a Carme a prazos en 3 anos. Non irá ao cárcere se non delinque e cumpre os pagos nese período.
A sentenza é firme, non se pode recorrer, e senta un precedente importante para as demais denunciantes, porque en caso de reincidencia pode ingresar en prisión como explica a avogada de Carme, Mónica Moreno.
As outras afectadas amósanse satisfeitas pola condena porque din que lles achaia o camiño.
Ana, Maite e Iria son só unha pequena mostra das ducias de denuncias por estafa e apropiación indebida que acumula este home que ás portas do xulgado de Pontevedra respondeu de malas maneiras ás preguntas dos medios.