Condenados dous menores en Vigo por difundir un vídeo sexual dun compañeiro de instituto
Os rapaces, de 16 anos, terán que participar en talleres de educación sexual e realizar tarefas socioeducativas
A vítima, que sufriu danos morais, será indemnizada con 1.000 euros

A Sección Quinta da Audiencia Provincial en Vigo ratificou a pena imposta a dous menores de 16 anos condenados por senllos delitos de descubrimento e revelación de segredos. Impóñenlles medidas reformadoras de liberdade vixiada.
Durante 6 meses terán que participar nun taller de educación sexual e de habilidades sociais para mellorar a empatía e o respecto aos demais. Tamén realizarán tarefas socioeducativas para previr os riscos do sexting e sobre o uso responsable das novas tecnoloxías.
Os feitos tiveran lugar en abril de 2021. Nese momento abríuselle un expediente a un dos rapaces por ter no seu teléfono un vídeo sexual dun compañeiro. O mozo exhibiuno no centro educativo e mesmo o difundiu por WhatsApp.
O outro menor condenado tamén colaborou na difusión. O afectado sufriu danos morais polas burlas dos compañeiros, polo que tamén terán que indemnizalo con 1.000 euros.