O home acoitelado polo seu fillo adolescentes en Palencia era natural de Zas
Consternación no seu concello natal, onde aínda vive parte da súa familia
Conmoción en Zas tras saberse que o home acoitelado polo seu fillo este sábado en plena rúa en Palencia era natural desta localidade.
A vítima, que naceu no lugar de Castro, na parroquia de San Cremenzo de Pazos, emigrara de mozo pero neste concello aínda vive parte da súa familia.
De feito, un sobriño desprazouse a Castela e León para encargarse dos trámites relacionados co falecemento do seu tío, de 55 anos.
Acoitelamento na rúa
Ao parecer, o home mantiña unha discusión na rúa coa nai do seu fillo e coa súa parella actual, en presenza de numerosos viandantes.
O adolescente viu a liorta desde unha fiestra da casa onde vivía coa nai, saíu á rúa cun coitelo de cociña e matouno.
"Debe de ser unha persoa, aínda que sexa nova, corpulenta, grande; perseguiu o seu pai e asestoulle varias coiteladas. O xefe do operativo que estaba alí estivo facendo reanimación cardiopulmonar a esta persoa durante case vinte minutos, pero non foi posible salvarlle a vida", relata Ángel Domingo Miguel Gutiérrez, subdelegado do Goberno en Palencia.
O falecido tiña numerosas feridas de arma branca á altura do pescozo. O adolescente foi detido no lugar pola Policía Nacional.
O home, natural de Zas, tivera unha orde de afastamento da súa exmuller e nai do adolescente, que xa non estaba vixente.