Conducir con chanquetas? Non parece a mellor idea e ademais pode custar unha multa
A sanción por levar un coche con calzado inadecuado pode chegar aos oitenta euros
"É importante é que levemos calzado que nos agarre ben aos pedais", explican en Tráfico
Con estes días de calor e o trasfego entre praias moitos van conducir con chanquetas. E xorde coma sempre a mesma pregunta: podemos conducir con ese calzado? Estudamos a fondo a norma e damos un avance: a clave está en non obstaculizar a mobilidade do pé.
A multa por manexar un coche con calzado inadecuado pode ser de oitenta euros, sen detracción de puntos, aplicando o artigo 18 do regulamento xeral de circulación. A clave está na liberdade de movementos.
"O que é importante é que levemos calzado que nos agarre ben os pedais e máis que nos permita exercer unha presión normal, sobre todo ante unha freada de emerxencia ou unha manobra que nos esixa un tempo de resposta máis rápido", explica Samuel Lago Costas, tenente da Garda Civil.
"Teñen que agarrar o pe por atrás, non se nos pode esvarar a chinela e metérsenos por debaixo dun pedal ou imposibilitarnos nunha freada porque se nos vai o pe ou así", insiste o tenente Lago.
Por moito que vaiamos á praia, hai que ter presente a seguridade: un bo zapato para conducir non só debe suxeitar ben o pé, tamén é preferible que sexa cómodo, transpirable, flexible e que garanta o agarre.