Aragón e Galicia suman forza na reclamación dun sistema de financiamento "xusto"
Alfonso Rueda e Jorge Azcón renovan a fronte común e fan un chamamento para retomar a Declaración de Santiago
Os dous presidentes insisten en que se pacte un sistema que cubra o custo dos servizos e que se pacte entre todas as comunidades sen privilexios para ningunha autonomía
Jorge Azcón, presidente do Goberno de Aragón, e Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia, sumaron forzas este mércores para reclamar que se pacte entre todas as comunidades e o Goberno central un sistema de financiamento que sexa "xusto" e que permita ás autonomías prestar os servizos que lles corresponden.
Os dous presidentes recordaron a Declaración de Santiago que, nese mesmo sentido, asinaron oito comunidades autónomas na capital galega en 2021 e apostaron por recuperar esa iniciativa para trasladar ao executivo central cal é a súa reivindicación.
Nese sentido Rueda e Azcón rubricaron este mércores en Zaragoza un acordo que van trasladar aos asinantes da Declaración de Santiago.
Alfonso Rueda insistiu en que o sistema de financiamento debe ser pactado entre todas as comunidades e o Goberno, sen negociacións bilaterais que privilexien territorios, e que o resultado sexa que se transfiran os recursos que permitan cubrir o custo dos servizos.
Tanto Rueda como Azcón coincidiron en sinalar as características propias de Galicia e Aragón nas que coinciden as dúas comunidades e que fan encarecer esas prestacións, e que son principalmente a dispersión, o despoboamento e o envellecemento, que inciden principalmente en cuestións como a sanidade ou a educación.
Jorge Azcón reclamou con insistencia que o financiamento debe respectar os principios de igualdade.
Amais, tanto o presidente galego como o aragonés, insistiron en reclamar unha negociación integral, e que non se fale de condonación da débeda, respecto da cal os dous mandatarios coinciden en definila como unha "repartición" que prexudica os cidadáns das comunidades con menor endebedamento.
Neste senso, a Xunta e o Goberno de Aragón, piden que a próxima reunión do Consello de Política Fiscal e Financeira aborde o modelo de financiamento desde unha visión global.
No seu encontro, tamén abordaron outras cuestións relacionadas coa sanidade. Azcón quere replicar en Aragón a compra centralizada aplicada por Rueda. Tamén se tratou a implantación da intelixencia artificial, sobre a que Galicia foi a primeira Comunidade en aprobar unha lei. E fixeron un chamamento ao Goberno central de investir na rede de transporte e distribución de enerxía. Tampouco faltou a referencia ao ou turismo, cunha especial mención ao Camiño de Santiago--.