Camilo Nogueira, Javier Olleros, Sánchez de Dios, a coral El Eco e o Pescados Rubén, medallas Castelao
Camilo Nogueira, Javier Olleros, Sánchez de Dios, a coral El Eco e o Pescados Rubén, medallas Castelao
O galardón entregarase o 28 de xuño no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval, en Santiago

O político Camilo Nogueira, o restaurador Javier Olleros, o xornalista Javier Sánchez de Dios, a coral Polifónica El Eco, e o equipo de fútbol sala feminino Pescados Rubén de Burela son os galardoados coa Medalla Castelao neste 2022, e que se entregarán o próximo 28 de xuño.

De Camilo Nogueira, Alfonso Rueda destacou que é "un dos pais do Estatuto" galego e defendeu tanto no Parlamento autonómico como no Europeo, "desde as súas formulacións", os intereses de Galicia dun modo "absolutamente digno".
Rueda incidiu, así mesmo, no traballo de Olleros á fronte do restaurante Culler de Pau no Grove que en 2020 conseguiu un "fito", ao obter a segunda estrela Michelin, o único local en Galicia con esta distinción.

Do xornalista Javier Sánchez de Dios, que na actualidade escribe columnas en Faro de Vigo, o titular da Xunta lembrou a súa "amplísima experiencia" en distintos medios ao longo da súa carreira.

En canto ás entidades, a Coral Polifónica El Eco da Coruña, foi fundada por Pascual Veiga, autor da música do Himno de Galicia, e xa en 1889 recibiu en París unha medalla polo seu labor.

E por último, a Xunta tamén decidiu distinguir o equipo de fútbol sala feminino Pescados Rubén, de Burela, polos seus logros deportivos ao máis alto nivel e pola súa traxectoria.

As Medallas Castelao foron creadas en 1984 para conmemorar o retorno a Galicia, o 28 de xuño dese ano, dos restos de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao desde A Arxentina, onde faleceu no exilio.