Publicador de contidos

Publicador de contidos

Consumo abre expediente sancionador a un festival de música por prohibir acceder con comida e bebida

Consumo abre expediente sancionador a un festival de música por prohibir acceder con comida e bebida

A sanción pode ser considerada grave ou moi grave, polo que podería ter unha multa de dez mil euros ata un millón

G24.gal 03/08/2023 11:18

O Ministerio de Consumo abriu por primeira vez un expediente sancionador a unha empresa organizadora de eventos e festivais en diversas partes de España por incluír como cláusula obrigatoria a prohibición expresa de entrada ao recinto do festival con comida ou bebida do exterior.

Con todo, Consumo non precisou o nome da empresa organizadora do festival por "respectar a presunción de inocencia".

A decisión de Consumo chega días despois das demandas presentadas por FACUA-Consumidores en Acción, que denunciaron os promotores do Reggaeton Beach Festival.

A asociación, mediante un comunicado, adiantou que a empresa denunciada é DQG Norte AIE, organizadora deste espectáculo, que ten lugar en 11 cidades españolas, incluíndo esta fin de semana Nigrán, Pontevedra.

FACUA denunciou o festival "por impoñer cláusulas abusivas que prexudican os consumidores, como restrinxir e impoñer cargos para recuperar o importe da pulseira cashless, cobrar polo reacceso ao recinto do evento ou limitar o acceso dos asistentes con comidas e bebidas do exterior".

O Ministerio de Consumo tamén está a investigar estas prácticas denunciadas por FACUA, como a imposición dun sistema de pago mediante pulseiras cashless, non aceptando o diñeiro en efectivo. Ademais, a devolución e reembolso da cantidade sobrante non se admite por baixo de 2 euros, debido aos gastos de xestión, que ascenden a 1,5 euros. Todas estas prácticas constituirían unha infracción, ao seren consideradas cláusulas abusivas, advertiu Consumo nun comunicado.

O Reggaton Beach Festival non ten constancia do expediente

Con todo, a organización do Reggaeton Beach Festival asegurou, que "ninguén da empresa" ten constancia da sanción que lles impuxo este mércores o Ministerio de Consumo, segundo indicou FACUA no seu comunicado.

As sancións previstas para estas infraccións poden chegar a considerarse como infraccións graves ou moi graves, e sancionarse con multas de entre 10.001 e 100.000 euros, no caso das graves, e entre 100.001 e 1.000.000 de euros, no caso das moi graves.

En caso de que o beneficio ilícito obtido polas prácticas infractoras superase esas cantidades, as sancións que se impoñan poderían alcanzar ata entre catro e seis veces o beneficio ilícito obtido, para as infraccións graves, e entre seis e oito veces o beneficio ilícito obtido, no caso das moi graves, lembrou o Ministerio no seu comunicado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade