Conxemar inaugura en Vigo una edición "histórica" con "récord" de expositores
Rueda volveu a solicitar ao Goberno Central unha baixada do IVE aos produtos do mar
Pontón e Formoso tamén estiveron na feira e amosaron o seu compromiso co sector
Retencións quilométricas nos accesos ao IFEVI o primeiro día de Conxemar
A vixésimo cuarta edición da feira dos produtos do mar conxelados, Conxemar, inaugurouse este martes en Vigo e fíxoo cun novo récord de expositores, tal e como explicou o presidente de Conxemar, Eloy García.
Ao acto de inauguración tamén acudiron, entre outros, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; a directora adxunta da División de Pesca e Acuicultura da Organización das Nacións Unidades para a Agricultura e a Alimentación (FAO), Vera Agostini; o presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, ou a directora xeral de Pesca Sostible, Mónica Currais.

Eloy García, presidente de Conxemar, avogou por amipliar o espazo expositivo en 39.000 metros cadrados máis de aquí a 2040 para que a Asociación Española de Almacenistas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e Acuicultura manteña a súa sede en Vigo.
Neste sentido Alfonso Rueda garantiu que a Xunta seguirá "estando á altura" para axudar a que a feira siga crecendo.
No seu discurso o presidente da Xunta tamén volveu a solicitar ao Goberno Central unha baixada do IVE aos produtos do mar e reivindicou unha lexislación europea que teña en conta a sustentabilidade do sector, non só no que respecta ao ámbito ambiental, senón tamén social e económico.

A directora xeral de Pesca Sostible, Mónica Currais Rodríguez, mostrou o compromiso do Executivo por lograr un PERTE específico para o complexo mar-industria e solucionar así a exclusión do sector dos fondos europeos Next Generation. Alfonso Rueda considerou o anuncio do Ministerio como "unha magnífica noticia".
Tamén estivo en Conxemar a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen destacou a importancia dunha feira que é referente do sector e que sitúa a Vigo e Galicia no mapa. Ana Pontón tamén insistiu na necesidade de baixar o IVE ao peixe e apoiou a ampliación do recinto feiral.
Tamén acudiu o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, que trasladar o seu apoio ao sector do mar.

Conxemar acolle este ano unhas 770 empresas chegadas de 45 países, son un 13 % máis ca en 2022. A feira espera máis de 26.000 visitantes ata o xoves, con máis de 700 postos.