Culleredo estrea un novo feirón para os cuartos xoves do mes
Celébrase na explanada do paseo marítimo do Burgo
Complementa o feirón tradicional dos segundos domingos de mes entre Vilaboa e Acea da Ama
O concello de Culleredo amplía cunha segunda convocatoria o seu tradicional feirón dos segundos domingos de mes. O novo mercado celebrarase os cuartos xoves do mes, na explanada do paseo marítimo no Burgo.
"Xa temos un feirón en Culleredo, e demandábannos un segundo feirón" explica Mario Iglesias, concelleiro de Comercio. "Fixemos no Burgo unha experiencia na pandemia, resultou moi ben, e decidimos facer outra feira para que a xente poida vir comprar aquí", engade.
Á estrea acudiron 56 postos, 41 de produtos téxtiles e 15 de alimentación. Feirantes e compradores valoraron positivamente esta nova cita, que se vai celebrar cada cuarto xoves de mes, agás o de xullo polas festas e o de decembro polo Nadal.
Os segundos domingos do mes, a cita seguirá sendo no feirón de Vilaboa-Acea da Ama.